Friday 17 de May de 2024

Máis de 40 empresas do sector turístico da Coruña inician o proceso para obter o selo de calidade SICTED


Esta mañá celebrouse o primeiro encontro co concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, para definir as liñas de traballo do Sistema de Calidade Turística en Destinos (SICTED) que se implantará na cidade

Son hoteis, restaurantes, axencias de viaxes e demais axentes do sector que grazas ao Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, adhírense de xeito gratuíto a este selo de calidade e en xuño pasarán a primeira avaliación

Un total de 42 empresas do sector turístico da Coruña inician o camiño para poder contar co selo SICTED de calidade turística da man do Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade. Hoxe tivo lugar o primeiro encontro das empresas inscritas para participar neste proceso de adhesión que ofrece o Consorcio de Turismo e Congresos de xeito gratuíto. Esta iniciativa enmárcase dentro das medidas postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para o fomento do turismo e a actividade económica na cidade.

O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, animou ao sector a aproveitar a formación de calidade que agora inician para poder contar con este distintivo de calidade, que é unha referencia no ámbito nacional e internacional. O Sistema de Calidade Turística en Destinos (SICTED) é unha metodoloxía desenvolvida pola Secretaría de Estado de Turismo para o conxunto de servizos turísticos dun destino. “Temos un sector turístico de calidade que avanza día a día e, sen dúbida, este selo de calidade, contribuirá á excelencia do sector”, expresou Borrego.

Hoteis, restaurantes, axencias de viaxes, A Coruña Convention Bureau e outros axentes do sector inscribíronse no proceso para obter a certificación de calidade que permite ao servizo turístico participante dispoñer dunha referencia para mellorar no seu traballo, compartir experiencias con outros empresarios e aumentar a percepción de fiabilidade do servizo por parte do cliente, ademais de contar cun sistema de distinción que recoñeza o esforzo e os logros conseguidos. Para A Coruña suporá incrementar a satisfacción da cidadanía e, dende outros países, reforzará a elección de destino.
Para obter o selo cada empresa ten que cumprir uns obxectivos, realizar as oportunas formacións e pasar o proceso de avaliación externa. A primeira será en xuño; soen celebrarse nos meses de xuño e setembro. O selo renóvase cada dous anos.

Os establecementos participantes contarán cun Manual de Boas Prácticas e servizo de asesoría e consultoría. A metodoloxía SICTED establece unha parte formativa (presencial ou virtual), visitas ás empresas do sector e un sistema de avaliación. Os establecementos adheridos ao selo contarán cunha promoción extraordinaria na web de Turismo. “O voso mundo é moi competitivo e trátase de intentar buscar o éxito no sector turístico. Esta formación e este selo axudarán a que teñades máis ferramentas de traballo”, afirmou Borrego no encontro de hoxe.

Sen dúbida o turismo está a ser un piar fundamental na recuperación económica da cidade. Logo dun satisfactorio 2022, o ano 2023 preséntase prometedor para o sector turístico. As novas conexións aéreas internacionais con Xenebra, Milán e Ámsterdam contribuirán a incrementar o fluxo de visitantes. Ademais, o Ano Picasso é un dos principais reclamos, cun intenso programa de exposicións e actividades ao longo do ano.

Este selo de calidade non só está pensado para hoteis, aloxamentos, bares e restaurantes senón para todos os oficios dun destino, tendo en conta 37 categorías: desde axencias de viaxes ata puntos de información turística, guías turísticos, comercios, A Coruña Convention Bureau, museos ou aparcamentos.